Burela recibe en concerto ao cantante extremeño Huecco

AMariñaXa
A cita será o 14 de novembro ás 20.30 horas con cancións novas e éxitos da súa traxectoria
BURELA-6-NOV-Huecco
7 Nov 2024

O Concello de Burela acollerá, no Auditorio Municipal, un concerto do cantante extremeño Huecco como parte da iniciativa Escenario Dial da radio Cadena Dial. A cita será o 14 de novembro ás 20.30 horas. As entradas serán gratuítas, pero, por cuestións de aforo, será necesario descargalas previamente nesta ligazón.

Huecco repasará no concerto tanto as súas novas cancións como os éxitos da súa traxectoria. O evento conta co patrocinio da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Burela e o Hotel Nordés.

Con Escenario Dial, Cadena Dial colabora cos artistas que máis soan na emisora, cun formato íntimo e minimalista que percorre toda España co obxectivo de amosar a esencia detrás de cada canción. Deste xeito, xa pasaron por Galicia, en formato acústico, artistas como Ana Guerra, Taburete, Ismael Serrano ou Rozalén.

“Estamos moi ilusionados de poder acoller a Huecco, un artista recoñecido a nivel nacional, no auditorio da Casa da Cultura da nosa vila”, sinala a concelleira de Cultura, Lina Gómez.

“Grazas ao apoio da Deputación de Lugo e a Cadena Dial podemos ofrecer un espectáculo de primeiro nivel, enriquecendo así a nosa programación cultural e fortalecendo o noso compromiso coa difusión da música e a cultura para toda a veciñanza”, engade.

Huecco é o nome artístico de Iván Sevillano, que foi tamén compoñente e vocalista da banda de rap metal Sugarless. Despois de percorrer miles de quilómetros por toda a xeografía española con esta agrupación e de pasar polos festivais máis destacados da península decidiu lanzar a súa carreira en solitario en 2004.

Un dos puntos clave da súa traxectoria foi a publicación, en 2006, do éxito ‘Pa’ mi guerrera’. Agora atópase presentando o seu novo tema ‘Rendido’, realizado en colaboración con Funambulista.

 

0.13552594184875