Burela quere actualizar o seu inventario de bens

AMariñaXa
Tamén se tratou no pleno a prórroga do contrato do servizo de recollida de lixo con Urbaser
Casa_concello_Burela
7 Xuño 2024

O Concello de Burela levou ao pleno ordinario  a actualización do seu inventario de bens co obxectivo de “velar polo patrimonio municipal”. Tamén se trataron no pleno a prórroga do contrato do servizo de recollida de lixo con Urbaser e a actualización da ordenanza de administración electrónica. A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca a importancia de “revisar e actualizar o inventario, polo que realizamos 5 modificacións entre as que destaca a inclusión no catálogo de bens do tramo do paseo marítimo fronte á praia urbana de Portelo”.

Sobre a prórroga do contrato da recollida de lixo con Urbaser, a rexedora explica que están traballando “nos pregos do novo contrato, pero optamos por esta prórroga dun ano máis contemplada no prego inicial de cara a sacar a licitación neste período”. No referente á ordenanza da administración electrónica, López apunta que “a ordenanza previamente existente esta obsoleta e non se adecúa á realidade actual, polo que o noso deber é actualizala para que estea acorde co que xa se está a facer no Concello de Burela”.

“Isto non significa que agora todas as xestións se teñan que facer electronicamente, pero é necesario ir revisando e actualizando todas as ordenanzas, como estamos facendo en diferentes ámbitos”, engade.

0.17546796798706