Burela quenta motores para o Entroido 2026 cun gran desfile e 4.000 euros en premios

AMariñaXa
A cita central será o domingo 15 de febreiro cun desfile desde a Rúa do Ril ata a Praza da Mariña e actividades para todos os públicos
ENTROIDO-BURELA-2023--desfile-4
25 Jan 2026

O Concello de Burela anunciou a celebración do Entroido 2026, que se desenvolverá entre os días 13 e 18 de febreiro cun programa pensado para encher as rúas de cor, música e participación. A proposta municipal combina actividades para público infantil e adulto e ten como eixo principal o tradicional desfile de Entroido, que se celebrará o domingo 15 de febreiro a partir das 17.00 horas.

O desfile partirá da Rúa do Ril e rematará na Praza da Mariña, onde continuará a festa cunha sesión de música DJ e unha chocolatada aberta ás persoas participantes e ao público asistente. O Concello destinará un total de 4.000 euros en premios e vales de ACIA Burela, que se repartirán en oito categorías diferentes, co obxectivo de fomentar a creatividade e a participación tanto individual como colectiva.

No apartado de galardóns, establécense categorías infantís en modalidade individual, por parellas e en grupo, así como categorías de adultos nas mesmas opcións de participación. A programación inclúe tamén premios especiais para carrozas e para charangas e comparsas, recoñecendo así o traballo colectivo e o esforzo que require a preparación destes formatos máis elaborados.

A concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, animou á veciñanza a sumarse á celebración e a saír ás rúas para vivir intensamente o Entroido. A edil convidou “a todas as persoas que se acheguen a Burela a gozar do Entroido con nós, a disfrazarse, participar e compartir unha programación pensada para divertirse, bailar e pasalo ben”, subliñando que “o Entroido de Burela é sinónimo de festa, participación e moi bo ambiente”.

A programación completarase con propostas dirixidas especialmente ao público infantil, como obradoiros, pintacaras e xogos, ademais de música, bailes e o tradicional enterro da sardiña, que porá o broche final ás celebracións dentro do calendario previsto entre o 13 e o 18 de febreiro.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.073718070983887