Burela proxecta o verán a ceo aberto con novas sesións de cine na rúa

AMariñaXa
O Concello organiza cinco proxeccións gratuítas en distintas prazas do municipio durante os meses de xullo e agosto
cine-rua-veran-BURELA
2 Jul 2025

O cine regresa ás rúas de Burela este verán da man dunha nova edición do seu ciclo de proxeccións ao aire libre, unha proposta xa consolidada que enche de vida e cultura as noites estivais. O Concello vén de anunciar unha programación pensada para todos os públicos, cun total de cinco filmes que se exhibirán en diferentes prazas do municipio entre os meses de xullo e agosto.

A primeira sesión terá lugar este xoves, 4 de xullo, ás 22:30 horas na Praza do Concello, onde se poderá ver a comedia familiar El Hotel de los líos. A seguinte cita será o 18 de xullo, na Praza da Mariña, coa película de animación Migración: un viaje patas arriba, especialmente pensada para o público infantil.

O mes de agosto arrincará coa proxección da longametraxe galega +Cuñados, o día 1 na Praza do Concello. O día 15 será a quenda da Praza das Casas Baratas, que acollerá Chicken Run: Amencer dos Nuggets, outra entrega de animación apta para todas as idades. A última sesión será o 29 de agosto, de novo na Praza da Mariña, coa comedia italiana Odio el verano.

Todas as funcións serán gratuítas e comezarán ás 22:30 horas, ofrecendo unha alternativa de lecer segura, familiar e accesible para veciñanza e visitantes. A concelleira de Cultura, Lina Gómez, sinalou que “o cine na rúa é xa unha cita esperada do verán en Burela, que permite gozar do bo tempo, do encontro entre veciños e veciñas e do cinema para todos os públicos”.

Gómez animou á participación asegurando que “agardamos que a programación sexa do agrado de toda a xente e que as prazas volvan encherse de ilusión, risas e bo ambiente”.

⚙ Configurar cookies
0.16786193847656