Burela promove rutas gratuítas de caiac na Praia do Portelo

O Concello de Burela continúa este mes coa súa proposta de promoción deportiva e turística a través de rutas gratuítas de caiac na Praia do Portelo, situada en pleno núcleo urbano. A primeira xornada celebrouse o pasado 7 de agosto e agora restan dúas sesións programadas para os domingos 24 e 31.
A actividade está pensada tanto para veciños como para visitantes, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva ao aire libre e, ao mesmo tempo, poñer en valor o litoral burelés. Así o destacou o concelleiro de Mar e Turismo, Ramiro Fernández, quen sinalou que se trata “dunha oportunidade perfecta para gozar do noso mar dun xeito seguro e divertido, ao tempo que damos a coñecer a beleza da nosa costa a quen nos visita”.
Os caiacs sitúanse na area da praia, nun espazo delimitado, e o seu uso é rotatorio. Cada participante pode acceder baixo a supervisión de monitores titulados, que se encargan de garantir a seguridade durante a actividade. Cada sesión ten unha duración de tres horas, en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Desde o Concello invítase á cidadanía e ás persoas que estean de visita a aproveitar esta proposta que combina deporte, lecer e descubrimento do patrimonio natural mariño.
