Burela promove hábitos saudables cunha xornada sobre alimentación no centro de saúde

AMariñaXa
A actividade, vinculada ao paseo saudable municipal, combinará contidos teóricos e prácticos para fomentar unha dieta equilibrada entre a veciñanza
Centro-saude-Burela-2026
SD Burela, CB Burela e CD Burela FS colaboran compartindo cantina
24 Mar 2026

O Centro de Saúde de Burela acollerá este venres, 27 de marzo, unha nova iniciativa centrada na promoción de hábitos de vida saudables, cunha actividade dedicada á alimentación equilibrada. A proposta desenvolverase tras a realización dun paseo saudable organizado de maneira conxunta pola Estratexia Nacional de Saúde do Concello e o propio centro sanitario.

A sesión terá lugar na biblioteca das instalacións sanitarias e estará conducida polo equipo de REGAPS da Dirección Xeral de Saúde Pública, no marco do Programa de Promoción da Saúde. Para participar será necesario formalizar unha inscrición previa, ben nas oficinas municipais ou a través do teléfono habilitado polo Concello.

Durante a xornada abordaranse diferentes aspectos relacionados coa alimentación saudable, combinando explicacións teóricas con dinámicas prácticas. Entre os contidos previstos inclúense ferramentas como o prato de Harvard, a organización de menús equilibrados e a preparación de alimentos de forma axeitada, co obxectivo de facilitar a incorporación destes hábitos na vida diaria.

A iniciativa busca trasladar á cidadanía pautas sinxelas e útiles que contribúan a mellorar a súa saúde, baixo a premisa de facer que a opción máis saudable sexa tamén a máis accesible. Neste sentido, o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, puxo en valor a importancia deste tipo de accións, destacando que permiten achegar coñecementos prácticos á veciñanza e reforzar a concienciación sobre estilos de vida máis saudables.

Desde o Concello subliñan que esta actividade forma parte dunha liña de traballo continuada orientada á prevención e á educación sanitaria, co obxectivo de mellorar o benestar da poboación a través de pequenas accións do día a día.

0.12652683258057