Burela promove actividades para reflexionar sobre a diversidade co gallo do Día Internacional contra a Discriminación Racial

AMariñaXa
Unha exposición na Casa da Cultura e un encontro participativo centran a programación organizada pola Área de Inmigración
Burela-DÍA-INTERNACIONAL-CONTRA-A-DISCRIMINACIÓN-RACIAL-2026
11 Mar 2026

O Concello de Burela, a través da Área de Inmigración, impulsa unha serie de actividades arredor do 21 de marzo, data na que se conmemora o Día Internacional contra a Discriminación Racial. A iniciativa busca fomentar a reflexión sobre a diversidade cultural e reforzar a convivencia intercultural entre a veciñanza do municipio.

Un dos actos principais da programación terá lugar o venres 20 de marzo ás 18.00 horas na Casa da Cultura, onde se inaugurará unha exposición composta por traballos realizados nas últimas edicións dun concurso vinculado a esta conmemoración. A mostra reúne creacións moi variadas elaboradas por veciñas e veciños de Burela, con participación de persoas de distintas idades e procedencias.

Entre as obras que formarán parte da exposición figuran pezas de autores e autoras que ao longo dos anos participaron de maneira activa neste tipo de iniciativas. Un dos exemplos destacados é o da artista de orixe indonesia Shiva, cuxo traballo xa fora empregado para ilustrar o cartel da programación do pasado ano e que nesta ocasión volve utilizarse como imaxe desta edición.

Segundo explicou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, esta exposición pretende tamén servir como recoñecemento ao esforzo colectivo que durante anos fixeron moitas persoas da vila para promover mensaxes de respecto e convivencia. “Con esta exposición queremos tamén recoñecer todo o traballo que moitas persoas de Burela foron realizando ao longo destes anos, porque detrás de cada obra hai unha reflexión e unha mensaxe en favor da convivencia e do respecto”, sinalou.

Como principal novidade neste 2026, o Concello decidiu modificar o formato tradicional do concurso e substituír o modelo competitivo por unha proposta máis aberta e participativa. Neste sentido, o día 27 de marzo ás 12.00 horas celebrarase no salón de plenos municipal unha xuntanza aberta na que poderán participar todas aquelas persoas interesadas en compartir traballos relacionados coa diversidade cultural e coa loita contra a discriminación racial.

Durante este encontro, as persoas participantes poderán presentar as súas creacións no formato que prefiran, tanto en soporte físico como dixital, e explicar brevemente o significado ou a mensaxe que queren transmitir coa súa obra. Co fin de facilitar a organización do acto, desde o Concello solicítase confirmar previamente a asistencia chamando ao teléfono 982 586 000 ou a través do correo electrónico integracioninmigrantes@burela.org.

Pillado destacou que esta nova fórmula pretende fomentar o diálogo e o intercambio de experiencias entre a cidadanía. “Cremos que a diversidade ten máis que ver con compartir experiencias e coñecementos que con competir por un premio”, afirmou.

Desde a Área de Inmigración lembran ademais que o traballo de sensibilización sobre a multiculturalidade non se limita a estas datas conmemorativas, senón que se desenvolve ao longo de todo o ano. Moitas destas iniciativas teñen lugar nos centros educativos do municipio, onde se organizan actividades destinadas a promover o respecto e o coñecemento entre culturas.

Entre estas propostas figuran iniciativas como a OCA Inmigrante ou encontros con persoas referentes no ámbito das migracións, accións que buscan achegar á comunidade educativa diferentes realidades e fomentar unha visión aberta e plural da sociedade.

Para o primeiro tenente de alcaldesa, avanzar cara a unha convivencia baseada no respecto require un traballo constante. “O traballo contra calquera tipo de discriminación é unha tarefa continua e a educación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e respectuosa”, concluíu.

0.12479281425476