Burela promove a saúde con ensaios abertos a ritmo de música e convivencia

Burela énchese de música, baile e saúde coa posta en marcha dunha nova edición dos ensaios abertos, unha proposta impulsada pola Mesa da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, en colaboración co Concello e co apoio das asociacións culturais Arume, Ledicia e Dambara. A iniciativa ten como obxectivo fomentar estilos de vida saudables a través da cultura, o exercicio físico e a participación social en espazos públicos.
As sesións, que arrancan esta tarde na Praza do Concello a partir das 19:00 horas coa actuación da SCR Ledicia, desenvolveranse durante todo o mes de maio en dous escenarios principais: a propia Praza do Concello e a Praza da Mariña. O programa ofrece unha oportunidade para gozar de espectáculos en vivo que, ao mesmo tempo, promoven a actividade física e fortalecen os vínculos comunitarios.
O mércores 7 será a quenda da asociación Arume, que actuará ás 18:00 horas na Praza da Mariña. Esta mesma agrupación repetirá o martes 13 no mesmo emprazamento, pero ás 19:30. O relevo collerao o grupo Dambara o mércores 14 ás 21:00, tamén na Praza da Mariña. A SCR Ledicia volverá ao escenario o martes 20 ás 19:00 na Praza do Concello, mentres que a última sesión terá lugar o mércores 21, ás 21:00 horas, con Dambara de novo como protagonista.
Desde a organización insisten no carácter aberto da proposta, convidando a toda a veciñanza a sumarse a estas xornadas culturais que promoven o benestar tanto físico coma emocional. “Trátase dunha forma de construír saúde desde o colectivo, apostando pola participación cidadá, o encontro entre xeracións e o uso activo dos espazos públicos”, explican desde a Mesa de Saúde.
Tanto desde esta entidade como desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas “amosan que tamén se pode traballar pola saúde a través da cultura e da convivencia, cun enfoque próximo, accesible e comunitario”.