Burela promove a participación xuvenil e o bo trato na infancia nunha visita ao IES Monte Castelo

AMariñaXa
Achegou información e ferramentas para fomentar a participación activa dos rapaces e rapazas na vida do municipio
burela-visita-monte-castelo-bo-trato-infantil
24 Oct 2025

Membros do Concello de Burela visitaron o IES Monte Castelo para ofrecer información ao alumnado sobre a Casa da Xuventude, o Grupo de Participación e o Bo Trato á Infancia.

A actividade desenvolveuse en dúas sesións: co alumnado de 1º da ESO tratouse principalmente o tema do Bo Trato á Infancia, mentres que con 2º da ESO abordáronse cuestións relacionadas co Grupo de Participación e a Casa da Xuventude.

Na primeira sesión participaron Noelia Legazpi, educadora familiar do Concello, e Conchi Pernas, técnica de Inmigración. Na segunda, estivo presente Jaime Méndez, técnico de Mocidade. Xunto a eles acudiu o concelleiro de Educación, Mocidade e Inmigración, Mario Pillado.

Pillado destacou “o interese e entusiasmo que mostraron os rapaces e rapazas sobre os seus dereitos e a posibilidade de acudir á Casa da Xuventude e formar parte do Grupo de Participación”. Engadiu ademais que aproveitaron o encontro “para felicitalos de novo porque Burela fose recoñecida Cidade Amiga da Infancia, un recoñecemento que se debe, sobre todo, á nosa infancia e mocidade e que debemos levar con orgullo”.

⚙ Configurar cookies
0.11995100975037