Burela promociona o túnido en Salamanca antes da Feira do Bonito de primeiros de agosto
TerraChaXa | AMariñaXa
Unha delegación burelesa, encabezada polo alcalde, Alfredo Llano, viaxou ata Salamanca para facer promoción da Feira do Bonito, da pesca e dos atractivos turísticos de Burela no Centro Galego.
22 Xul 2019
Unha delegación burelesa, encabezada polo alcalde, Alfredo Llano, viaxou ata Salamanca para facer promoción da Feira do Bonito, da pesca e dos atractivos turísticos de Burela no Centro Galego. Ata a cidade salmantina se desprazaron membros de A Moncloa, da Sociedade Cultural Ledicia así como a historiadora Herminia Pernas.
Primeiro desenvolvéronse unha serie de intervencións e a continuación tivo lugar unha degustación de bonito, elaborado en diversas preparacións polo restaurante O Pazo Couñago. Os asistentes puideron probar o bonito en marmitako, á plancha, cocido, asado e en empanada.
Desde Absa enviáronse 20 quilos de túnido para facer esta promoción. Desde o Concello levaron tamén material con información turística e convidaron aos asistentes a acudir a Burela á Feira do Bonito, que se celebra a primeira fin de semana agosto ou a visitar a localidade en calquera época do ano.
Houbo intercambio de agasallos entre o Centro Galego e o Concello de Burela. Alfredo Llano fixo unha valoración moi positiva desta acción e subliñou "a acollida extraordinaria que nos brindaron no Centro Galego de Salamanca, ata o que se desprazaron varios concelleiros, senadores e deputados provincias, ademais de representantes da Universidade".