Burela presenta unha ampla programación do 25N para reforzar a loita contra a violencia machista

O Concello de Burela deu a coñecer a programación deseñada para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A planificación municipal inclúe iniciativas de sensibilización social, actividades nos centros educativos e accións simbólicas repartidas por distintos espazos da localidade.
Entre as propostas previstas figura a creación dun punto de lectura pola igualdade na Biblioteca Municipal, a colocación da pancarta conmemorativa e a iluminación en ton violeta de varios edificios e zonas do municipio, signo de apoio á loita contra a violencia de xénero.
O martes 25 de novembro, ás 12:30 horas, a Praza do Concello acollerá a lectura do manifesto institucional, un punto informativo do CIM e a realización dun mosaico violeta co lema “Non á violencia de xénero”, que contará coa participación da cidadanía e da comunidade educativa.
A programación esténdese ata o domingo 30 de novembro, cando terá lugar a IV Andaina contra a Violencia de Xénero, cun percorrido circular de 8 quilómetros e dificultade baixa, con saída ás 11:00 horas desde a Praza da Mariña. O Concello destaca que esta actividade se consolidou como un momento de encontro e concienciación comunitaria.
Os centros educativos tamén terán un papel protagonista. O luns 24 de novembro, o alumnado do CEIP Plurilingüe Os Castros e do CEIP Plurilingüe Vista Alegre participará na sesión de contacontos “Contos vellos, novos finais”, realizada por A Trastenda dos Contos. O martes 25, o IES Monte Castelo e o IES Perdouro recibirán os roll-ups conmemorativos do 25N e colaborarán na elaboración do mosaico violeta.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “o 25N non é un día máis no calendario: é unha chamada á responsabilidade pública, política e cidadá para seguir loitando contra unha das violencias máis graves e máis silenciadas. Cada acción, por pequena que pareza, suma fronte á violencia de xénero. E en Burela queremos sumar sempre”.
Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, subliñou que as actividades “pretenden reforzar a implicación social fronte á violencia machista e facer visible o compromiso do Concello nestas datas”. Engadiu ademais que “é fundamental que a veciñanza participe, especialmente nos actos do día 25 e na andaina, que xa é un símbolo de unidade e concienciación”.
As iniciativas están financiadas con cargo aos fondos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, coa colaboración da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.