Burela presenta a XXXVI Feira do Bonito cunha degustación do produto
Comeza a contra atrás para a trixésimo sexta edición da Feira do Bonito de Burela, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto. Organizadores e Concello veñen de realizar a presentación oficial na Casa Consistorial coa colaboración da Deputación de Lugo, que promoveu unha sesión de showcooking e unha degustación posterior deste produto emblema.
Burela estreará este 2022 o recente nomeamento da Feira do Bonito como de Interese Turístico Nacional despois de anos de arduo traballo para acadar esta distinción e dous anos de pandemia que impediron celebrar esta feira tan sinalada na localidade.
No acto de presentación estiveron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a subdelegada de Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades, así como a presidenta da entidade organizadora, a Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia de Burela, Rocío Vidal, e o xerente de Expomar, José Manuel González (Brais).
Alfredo Llano convidou un ano máis “a asistir a esta feira que hoxe presentamos en Burela e que xa vimos de promocionar en Montmeló, unha cita que estamos seguros de que vai ser un éxito e que merece todo o preciso para darlle altura e grandeza, cun produto exquisito como o bonito de Burela, cun sector pesqueiro referente a todos os niveis, con concertos musicais, muralismo no museo ao aire libre que temos no porto, artesanía a través de Produart e tamén implicación da hostalería co tapeo de bonito nos locais durante esa semana”, explicou, “todo un luxo e un orgullo para Burela”.
A XXXVI Feira do Bonito desenvolverase como xa é habitual a primeira fin de semana de agosto, os días 6 e 7, nos que se repartirá entre veciños e visitantes un total de 3.500 kg de bonito en distintas elaboracións. Comezará o 6 de agosto coa ruta BTT Enduro “Monte Castelo – Bonito de Burela”, con saída do porto ás 9.30 horas. Unha hora máis tarde, comezarán os partidos do IV Torneo de Fútbol Veteranos na Marosa, e ás 11.30 horas comezará a II Quedada de Coches Clásicos, que farán un percorrido polas rúas do pobo e rematarán cunha concentración na Praza do Concello a partir das 13.00 horas.
Nesta cita que aúna gastronomía con tradición e cultura, non pode faltar a música, polo que será a Charanga Mekánika Rolling Band a que porá a nota musical cun pasarrúas ás 12.00 horas. A recepción de autoridades e convidados realizarase ás 13.30 horas no barco museo Reina del Carmen, así como o recoñecemento do galardón Bandeira Azul.
Ás 14h comezará o pregón a cargo de Martiño Suárez Fraga, escrito e xornalista, e posteriormente farase a entrega de premios do concurso de carteis e o nomeamento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira.
A continuación será a apertura da degustación de bonito, que se manterá ao longo da tarde repartindo tapas de salpicón e as racións clásicas de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. Haberá racións sen glute para persoas con intolerancias.
Rematará o día coas actuacións musicais a partir das 21.00 horas de A Banda da Loba, LA Quinquillada e un Dj.
O domingo haberá actividades infantís desde as 12.00 horas e a partir das 13.30 horas comezará a degustación de marmitako, coa sesión vermú a cargo de Familia Caamagno.
CERTAME INTERNACIONAL DE PINTURA MURAL AMARTE
Coincidindo coa Feira do Bonito, os nove finalistas recentemente seleccionados do certame de pintura Amarte, o máis internacional de todas as edicións, realizarán os seus traballos no porto desde o xoves 4 de agosto.
O domingo 7 de agosto ás 13.00 horas terá lugar a entrega de premios dos tres gañadores do certame elixidos por un xurado profesional.
Produart
A XXXVI Feira do Bonito tamén terá espazo para a artesanía, coa Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart promovida por Expomar que cumpre a súa XX edición. Os expositores comercializarán ao longo da fin de semana distintos produtos e obxectos no porto burelense, con entrada libre e de balde. Haberá actuacións dos acordeonistas de Burela, unha mesa debate por unha pesca sostible, e actividades impartidas polas monitoras de Gaia.