Burela prepárase para vivir unhas Festas Patronais cheas de música, tradición e alegría

AMariñaXa
Do 23 de maio ao 3 de xuño, a vila ofrecerá un completo programa con pregón, procesións, verbenas e actividades para todas as idades
Burela-presentacion-casrtel-festas-2025
17 May 2025

O Concello de Burela presentou oficialmente o cartel e o programa das súas Festas Patronais, que se celebrarán entre o 23 de maio e o 3 de xuño. A programación inclúe un amplo abano de propostas pensadas para todos os públicos, combinando tradición relixiosa, música en directo, actividades infantís e espectáculos para a veciñanza.

Os festexos comezarán o venres 23 de maio cunha misa e procesión na honra da Virxe do Carme, acompañadas pola agrupación tradicional S.C.R. Ledicia. O pregón, que terá lugar o sábado 24, correrá a cargo da profesora e ilustradora Ana Fernández Moreiras, elixida polo Concello e a Comisión de Festas como símbolo do compromiso coa visibilidade feminina no ámbito cultural.

A música será protagonista durante todas as xornadas. O venres 30 de maio haberá unha gran verbena a cargo de La Fórmula e Cinema. Ao día seguinte, sábado 31, a orquestra Ritmo Joven animará a sesión vermú e compartirá escenario pola noite coa orquestra América. O domingo 1 de xuño destaca pola súa tradicional procesión marítima, coa participación da agrupación Santo Inocencio de Burela e da banda OJE Nosa Señora do Nordés, de Ferrol. Ese día, Solara e El Combo Dominicano garantirán a festa na sesión vermú e na verbena.

As celebracións culminarán o luns 2 de xuño cunha xornada moi especial. As orquestras Pontevedra, Cayenna e Panorama subirán ao escenario para despedir as festas por todo o alto, nunha noite que promete ser inesquecíbel.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo destacar “a ilusión, o traballo e a unión que hai detrás deste programa”, agradecendo á Comisión de Festas, ás asociacións e ao tecido comercial pola súa implicación. Pola súa banda, a concelleira de Festexos, Patricia Eijo, puxo en valor o esforzo colectivo “para ofrecer uns días cheos de alegría e tradición”.

O programa completo está dispoñible con detalles de cada actividade en espazos como a igrexa, o auditorio, a praza e a explanada portuaria.

⚙ Configurar cookies
0.16863298416138