Comeza unha nova edición de Produart e da Feira do Bonito

AMariñaXa
A Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos chega a súa vixésimo segunda convocatoria
Feira-Produart-Burela-2019--3
2 Ago 2024

Burela prepárase para unha nova edición de Produart, a Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos que chega a súa vixésimo segunda convocatoria os días 2,3 e 4 de agosto na Nave de Redes do Porto de Burela. Trátase dunha plataforma de exposición comercial-feiral que intenta poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca da Mariña e doutras colindantes, así como doutros puntos do estado español, dende a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio.

Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, é o fiel reflexo dos valores da sustentabilidade dos nosos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural. Así, dende esta plataforma búscase o desenvolvemento dos sectores relacionados con outra forma de produción non agresiva: a ecolóxica e a artesanal.

Buscan promover entre os nosos visitantes as ideas de sustentabilidade e de respecto ao entorno, servindo ademais como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e apostar por estes xeitos de vida. O apoio e promoción dos produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, son outros dos obxectivos.

Programa da Feira do Bonito 

O programa da XXXVIII Feira do Bonito arrancará o sábado, día 3 de agosto, ás 13:00 horas, coa recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación terá lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Lois Pereira e Sofía González Anido. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo do policía burelés Julio López Quiroga, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido,bonito asado á grella e empanada.

A xornada rematará ás 20.30 horas cos concertos de Walls, Maryland, S.S.R Ledicia, A Gramola Gominola e sesión DJ. O domingo, 4 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de ensalada de fabas de Lourenzá con bonito e ración de marmitako.

0.19498896598816