Burela prepárase para unha nova edición de Produart e da Feira do Bonito
Burela prepárase para a XXXVIII Feira do Bonito e XXII da Feira Produart. Na presentación participaron a deputada de Réxime Interior, promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a alcaldesa do municipio e deputada de Economía, Facenda e Recadación de Contas, Carmela López; e a presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera; entre outras autoridades.
O acto de presentación da cita incluíu cunha showcooking organizada coa colaboración da Deputación, co obxectivo de impulsar a gastronomía local cara a celebración da feira que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de agosto. A sesión contou coa participación de destacados chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que presentaron varios propostas culinarias en directo co bonito como protagonista. Pilar García Porto sinalou que a Deputación colabora con esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, porque “somos conscientes de que a Feira do Bonito é un verdadeiro símbolo da nosa cultura mariñeira e un reflexo da alta calidade do bonito de Burela. Este produto é recoñecido pola súa captura sostible e forma parte dunha longa tradición que nos enche de orgullo”.
Durante a showcooking, os presentes puideron degustar pratos innovadores da man de cociñeiros profesionais como Alejandro Méndez, quen presentou un Montadito de bonito de Burela con alioli de chile e pack choy; Bruno Pena, que deleitou cun Bonito aliñado con aguacate; e Pablo Vila, cunha aposta de Tataki de bonito con améndoa e tomate. “O bonito de Burela é recoñecido non só pola súa excelente calidade, senón tamén pola súa captura sostible, unha práctica que forma parte dunha longa tradición que nos enche de orgullo. A costeira deste peixe é un evento que implica a toda a comunidade, desde os mariñeiros que saen ao mar, as súas familias, até os hostaleiros que se nutren deste excelente produto e toda a comarca que se enorgullece deste tesouro”, subliñou a Deputada.
Así mesmo, Pilar García Porto eloxiou o traballo da Asociación Ledicia e ao Concello de Burela por organizar unha feira que ademais de poñer en valor un produto estrela relacionado co mar como é o bonito, supón un grande escaparate turístico de primeiro nivel. “A Feira do Bonito é unha oportunidade única para destacar a nosa oferta turística. Lugo aposta por un turismo de calidade, sostible e non masificado. Os visitantes poden gozar dunha experiencia auténtica, inmersos na beleza natural das nosas paisaxes e no ritmo tranquilo que ofrecemos”.
Os responsables autonómicos puxeron en valor a longa traxectoria desta cita gastronómica, unha das máis emblemáticas da Mariña. Destacaron a súa importancia “para promocionar un produto que proporciona a Burela unha proxección nacional moi relevante e repercute en todos os sectores de actividade da vila, incluído o turístico”. A feira conta co apoio do Goberno galego para asumir os custes de organización e a difusión das actividades. Subliñaron o compromiso da Consellería do Mar co sector pesqueiro de Burela a través de campañas promocionais para fomentar o consumo dos produtos do mar e tamén coa mellora das infraestruturas portuarias.
Programa
O programa da XXXVIII Feira do Bonito arrancará o sábado, día 3 de agosto, ás 13:00 horas, coa recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación terá lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Lois Pereira e Sofía González Anido. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo do policía burelés Julio López Quiroga, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido,bonito asado á grella e empanada.
A xornada rematará ás 20.30 horas cos concertos de Walls, Maryland, S.S.R Ledicia, A Gramola Gominola e sesión DJ. O domingo, 4 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de ensalada de fabas de Lourenzá con bonito e ración de marmitako.
Produart
Paralelamente á celebración da XXXVIII Feira do Bonito que, como é habitual, levarase a cabo no porto burelés a vixésimo segunda edición da feira Produart, impulsada pola Fundación Expomar. A Deputación terá presenza cun stand na feira onde promocionará os atractivos turísticos da provincia. Trátase dunha plataforma de exposición comercial-feiral que intenta poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca da Mariña e doutras colindantes, así como doutros puntos do estado español, dende a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio.
Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, é o fiel reflexo dos valores da sustentabilidade dos nosos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural. Así, dende esta plataforma búscase o desenvolvemento dos sectores relacionados con outra forma de produción non agresiva: a ecolóxica e a artesanal.
Buscan promover entre os nosos visitantes as ideas de sustentabilidade e de respecto ao entorno, servindo ademais como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e apostar por estes xeitos de vida. O apoio e promoción dos produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, son outros dos obxectivos.