Burela prepárase para unha fin de semana de exaltación gastronómica e tradición mariñeira

AMariñaXa
O Bonito e os produtos ecolóxicos serán os grandes protagonistas da XXXIV Feira do Bonito e da XXIII Feira Produart
Presentacion-Feira-do-Bonito-de-Burela
28 Jul 2025

A vila de Burela volverá converterse esta fin de semana nun referente da cultura mariñeira e da gastronomía galega coa celebración da XXXIV Feira do Bonito e da XXIII Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos, coñecida como Produart. Dúas citas complementarias que combinan o sabor do mar co compromiso coa sustentabilidade e a posta en valor da tradición local.

O acto de presentación contou coa participación do Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío; da alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López Moreno; e da presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara. A cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional desde o ano 2019, contará cun amplo programa de actividades que mesturan música, gastronomía, artesanía e deporte.

Francisco Cajoto salientou a importancia de apoiar este tipo de eventos que “reforzan a nosa identidade e poñen en valor o mellor que temos: o noso territorio, o noso mar, e a nosa xente”. Lembrou tamén o éxito da recente acción promocional na Praza de San Marcos de Lugo, na que recoñecidos chefs da provincia amosaron a versatilidade do Bonito de Burela cunha proposta gastronómica de alto nivel.

Para o deputado provincial, a feira “é un exemplo do que podemos conseguir traballando da man entre administracións e tecido social”, e fixo fincapé en que “defender o Bonito de Burela é defender a nosa economía, o noso medio mariño, e o futuro das comunidades costeiras”.

XXXIV Feira do Bonito: gastronomía e música na beira do mar
A Feira do Bonito arrincará o sábado 2 de agosto ás 10:30 horas co III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego. Ás 13:00 horas celebrarase a recepción oficial das autoridades e o izado da bandeira azul no barco museo Reina del Carmen, antes da lectura do pregón a cargo do veciño de Burela Juan Carlos Enríquez Casas.

A continuación comezará a degustación de pratos con bonito como ingrediente estrela: cocido, á grella e empanada. A xornada estará amenizada cos concertos de S.S.R. Ledicia, Marcarme, Enol e sesión DJ a cargo de Pepu, desde as 20:30 horas.

O domingo, 4 de agosto, será a quenda das familias e os máis pequenos, cun programa que inclúe actividades infantís. Ás 13:30 horas retomarase a degustación, desta volta con pratos como a enfariñada de Trabada con bonito e racións de marmitako.

O programa complétase con eventos deportivos como o VII Torneo de Fútbol de Veteranos, que terá lugar no campo de fútbol A Marosa, e o Torneo de Baloncesto 3x3, que se celebrará na Praza da Mariña.

XXIII Feira Produart: artesanía e ecoloxía en diálogo directo coa cidadanía
De xeito paralelo, do 1 ao 3 de agosto, desenvolverase a XXIII edición da Feira Produart, organizada pola Fundación Expomar e cunha achega de 15.000 euros por parte da Deputación de Lugo. Esta feira reunirá produtores, comerciantes e público interesado na defensa dos recursos da comarca mariñá desde unha óptica ecolóxica e sostible.

A inauguración terá lugar o venres, 1 de agosto, ás 17:30 horas, e ás 19:00 horas presentarase o XI Festival Osa do Mar. A tarde continuará con música en directo e degustación de produtos do mar a partir das 21:00 horas.

O sábado comezará ás 11:30 horas coa presentación do libro Boni, unha viaxe marabillosa, seguida dun obradoiro infantil de pintacaras e unha demostración de encaixe de bolillos. Pola tarde, repetirase o obradoiro para os máis pequenos.

O domingo 3 de agosto será a clausura, con novas actividades culturais: a presentación do libro El secreto de la esmeralda ás 12:00 horas e unha nova demostración de encaixe de bolillos ás 12:15.

Burela volve así a poñer o foco na súa tradición mariñeira e no seu produto máis emblemático, converténdose nun escaparate do que representa a identidade da Mariña lucense.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.1330029964447