Burela prepárase para gozar da ‘Churrascanta’ con música, tradición e bo comer

AMariñaXa
A Coral Polifónica organiza unha xornada festiva con xogos, actuacións e un suculento menú de churrasco e sardiñas
BURELA-Churrascanta-2025
14 Aug 2025

A Praza da Mariña de Burela converterase o sábado 17 de agosto nun punto de encontro para veciños e visitantes coa celebración da ‘Churrascanta’, unha iniciativa da Coral Polifónica que combina gastronomía, música e tradición.

A partir das 11:00 horas, o ambiente festivo abrirase con xogos tradicionais para todas as idades e a música en directo de Arume Burela. Ás 12:00, as pandeireteiras de Arume animarán a mañá con cantos populares, e unha hora máis tarde serán os acordeonistas da Mariña quen poñan banda sonora á praza.

O momento máis agardado chegará ás 14:00 horas co reparto das racións: un menú composto por churrasco, sardiñas, pan, sobremesa, viño e auga, cun prezo de 15 euros. As persoas que o desexen poderán levar a súa ración para gozar dela noutro lugar.

As entradas poden adquirirse o mesmo día do evento ou de maneira anticipada en varios establecementos locais. Dende a organización convidan a toda a veciñanza a participar desta cita que promete sabor, música e convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.17651295661926