Burela prepárase para a 39ª Feira do Bonito cun programa cheo de música, sabor e tradición

A Feira do Bonito de Burela, declarada de Interese Turístico Nacional, celebrará a súa 39ª edición os días 2 e 3 de agosto coa colaboración un ano máis da Xunta de Galicia. A cita, organizada pola Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, volve ser un referente gastronómico e cultural na Mariña lucense.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este venres na presentación oficial do evento, na que destacou a relevancia da celebración como “unha cita gastronómica de referencia a nivel nacional”, subliñando que nela se enxalza un produto “que constitúe un impulso económico para Burela e representa un dos seus principais sinais de identidade”.
Entre as principais novidades deste ano está o concerto do cantante e compositor asturiano Enol, patrocinado en exclusiva pola Xunta. A actuación terá lugar o sábado 2 de agosto ás 23.00 horas na explanada portuaria, dentro da xira de presentación do seu novo disco Una casa con jardín, que está levando ao artista a escenarios de todo o país.
A programación da feira incluirá tamén actividades previas como o V Tapeo Bonito, que se celebrará entre o 17 e o 19 de xullo nos locais de hostalería participantes, ademais de torneos de fútbol e baloncesto. Xa o día 2 de agosto, ás 10.30 horas, terá lugar no porto o III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego. A partir das 13.00 abrirán oficialmente a feira e a degustación de bonito, que se manterán de forma continuada pola tarde.
O domingo 3 estará dedicado especialmente ao público infantil, con actividades ás 11.30 horas, e continuará a degustación a partir das 13.30.
Unha vez máis, Burela converterase nun epicentro do turismo gastronómico galego, celebrando a súa vinculación co mar e coa tradición conserveira a través dun evento que combina cultura, música, deporte e sabor.