Burela prepara a Romaría de Monte Castelo
O Concello de Burela acolle a celebración da Romaría de Monte Castelo, que terá lugar entre este venres, día 26 de xullo, e o domingo 28 de xullo. Esta celebración está organizada pola asociación RCM Amigos do Monte Castelo e polo Concello. Marcos Vázquez, presidente da RCM Amigos do Monte Castelo, sinalou que na festa “ten cabida o relixioso, o musical, o gastronómico, a familia, a amizade... Tendo sempre presentes os valores polos que nos rexemos, a educación, o respecto, o coidado do medio ambiente”.
Trátase de “desfrutar todos xuntos nun entorno marabilloso como é o Monte Castelo, cunhas vistas fantásticas do norte de Galicia e do occidente astur”, sinala Vázquez. “Estamos moi agradecidos en primeiro lugar ao Concello de Burela, á Comunidade de Montes, á Xunta de Galicia, a ABSA, á SCR Ledicia e a todos os establecementos comerciais e ás asociacións que colaboran connosco”, engadiu.
Pola súa banda, a alcaldesa Carmela López subliñou que a Romaría do Monte Castelo é “unha parte moi especial dos eventos do verán de Burela, mantendo a tradición da xuntanza entre familia e amizades no noso miradoiro e área Recreativa”. Desde o Concello de Burela agradecen “unha vez máis a implicación do tecido asociativo na nosa vila, xa que traballando conxuntamente podemos contribuír ao dinamismo da mesma”, apuntou a rexedora.
Ao longo dos 3 días de celebración haberá diferentes espectáculos musicais, xogos, un concurso de disfraces e moitas actividades máis. Comezarase o venres, día 26, coa misa na Igrexa da Vila do Medio ás 20.00, seguida da Chicharrada ás 21.00. As festas contarán coa actuacións do grupo Alaska o venres, cunha verbena co grupo Superstar o sábado e cunha longa sesión vermú co dúo Son de Festa o domingo, ademais de varias sesións de DJs.
Marcos Vázquez explicou tamén que serán confirmadas as parcelas reservadas. Engadiu tamén que este mércores de 18.30 a 20.00 “poderanse reservar as prazas que quedaran libres. A partir do xoves, día 25 de xullo, poderase comezar a montar os postos”. “Pregamos a todos os romeiros que teñan un comportamento cívico e responsable e que en todo caso respecten o medio rural, como veñen facendo todos os anos”, concluíu.