Burela prepara 3.500 racións para a Feira do Bonito na que actuará Budiño

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Jul 2019

O Concello de Burela acolleu a presentación da XXXV Feira do Bonito, que se celebrará os días 3 e 4 de agosto. En total vanse servir 3.500 quilos de túnido preparado á grella, cocido, en empanada, en salpicón e en marmitako. O alcalde burelés, Alfredo Llano, subliña que esta será unha edición moi especial xa que é a primeira que se celebra despois de que a feira fose declarada festa de interese turístico nacional. O pregón será pronunciado pola actriz Estíbaliz Veiga, o sábado ao mediodía, e pola noite actuará Budiño. Ademais do 2 ao 4 de agosto celebrarase, tamén no porto de Burela, a décimo novena edición de Produart, a feira de produtos artesáns e ecolóxicos, que contará con 60 stands. 
O rexedor burelés dixo que “é unha edición que consideramos importante para o noso concello dado que é a número 35 e está considerada como de interese turístico nacional, e iso sempre é o inicio dun cambio e dunha singularidade que vai tomar esta feira a partir de agora”.
Alfredo Llano quixo “recoñecer a labor dos voluntarios e voluntarias que conforman a organización, que está dirixida pola sociedade cultural Ledicia. Esta xente que unha semana antes se pon a traballar de forma solidaria, cooperando e compartindo o moito traballo que hai que facer. Van xestionar nin máis nin menos que 3.000 ou 3.500 quilos de bonito, que se vai ofrecer á xente que se achegue a Burela o primeiro fin de semana de agosto. Farase en cinco preparacións. Tres vanse dar nunha bandexa, á grella, cocido e en empanada, sempre se fai así para que se teña unha idea global de como se pode preparar. Ademais tamén se vai ofrecer en salpicón e en marmitako. Eses dous días van ser importantes para a pesca e para o bonito e celebrarase no recinto feiral do porto de Burela”. 
Tamén esta mediodía se presentou a XIX Produart, a feira de produtos artesáns e ecolóxicos. Que terá lugar do 2 ao 4 de agosto na nave de redes, onde vai haber 60 stands. “É moito o que se vai ofrecer este ano. Fíxose un traballo importante para dimensionar estes produtos, para que sexan atractivos e animen á xente a consumir produtos ecolóxicos”, manifestou Alfredo Llano.
O rexedor burelés engadiu que “é importante dicir que ao ser de interese turístico nacional a Feira do Bonito, imos intentar ir incorporando cousas e mellorar todo o que se poida. Queremos darlle as grazas a todos os voluntarios e voluntarias que están traballando moito para que isto vaia para arriba. É un gran atractivo turístico, cultural e gastronómico para ese primeiro fin de semana do mes de agosto”.
O alcalde, Alfredo Llano convida a que “se achegue a xente tanto da zona da Mariña, como doutros puntos de Galicia e de Asturias, porque esa fin de semana Burela vai ser o epicentro de toda a comarca. Ademais da Feira e de Produart, imos ter un atractivo musical como é a presenza de Budiño, que penso que vai atraer moitísima xente o sábado, ás dez da noite. Ademais esa mesma xornada será o pregón ofrecido pola actriz Estíbaliz Veiga, que é da nosa comarca, de Barreiros, e que tamén nos axudou noutros eventos. Creo que vai estar moi interesante e unha vez rematado vai haber unha sesión vermú que animará á xente a participar nesta edición da Feira do Bonito”. O pregón de Estíbaliz Veiga está previsto para as dúas da tarde. 
No acto de presentación da XXXV Feira do Bonita e da XIX Produart participaron representantes de Ledicia, de Absa e da confraría de pescadores de Burela, entre outros. 
 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1682870388031