Burela pon en marcha un novo curso de batucada aberto á veciñanza

O Concello de Burela iniciou un novo curso de batucada que se desenvolve na praza de Abastos, cunha proposta pensada para achegar a música e o ritmo á veciñanza de todas as idades. As sesións impártense de maneira semanal os venres, en horario de 18:00 a 19:30 horas, e están abertas á participación de persoas empadroadas no municipio a partir dos 12 anos.
Na actualidade, a actividade conta xa con 12 persoas inscritas, aínda que desde o Concello sinalan que existen prazas libres, polo que quen teña interese en iniciarse na batucada pode incorporarse ao curso. Non é necesario ter experiencia previa, xa que as clases están adaptadas a distintos niveis e enfocadas tanto á aprendizaxe como ao disfrute colectivo.
A formación corre a cargo de Carlos Méndez, integrante de Batucada CadaBatú, que se encarga de guiar ao grupo no manexo dos instrumentos e no traballo rítmico propio desta disciplina musical.
A concelleira Lina Gómez anima á participación destacando que se trata “dunha actividade aberta, dinámica e moi vinculada á vida cultural de Burela”, e lembra que o curso ofrece ademais a posibilidade de formar parte dos desfiles do Entroido e das festas patronais, reforzando así a presenza da batucada nas celebracións máis sinaladas do municipio.