Burela pon en marcha os seus campamentos de verán
O Concello de Burela abre o prazo de preinscrición para o seu programa de campamentos de verán e ocio para a cativada Somos Verán. O prazo estará aberto ata o venres, día 21 de xuño. As preinscricións poderán realizarse no correo electrónico gaia@burela.org ou na oficina do centro Gaia. Deberase entregar a documentación necesaria e o formulario que se pode atopar na web.
A concelleira responsable do centro Gaia, Lina Gómez, destaca que estes campamentos “supoñen unha alternativa de lecer moi atractiva para a cativada, que poderá participar en todo tipo de actividades”. Poderán inscribirse neste programa as nenas e nenos que cursaran Infantil ou Primaria no curso escolar 2023-2024. A totalidade da unidade familiar deberá estar empadroada en Burela.
Os campamentos terán lugar do 1 ao 12 de xullo, do 15 ao 26 de xullo, do 29 de xullo ao 9 de agosto e do 12 ao 23 de agosto. As actividades levaranse a cabo no CEIP Virxe do Carme de luns a venres entre as 9.00 e as 13.30 horas. Unha mesma persoa poderá optar a un, varios ou todos, debendo indicar a súa orde de preferencia. Haberá un total de 75 prazas por cada campamento. A listaxe de prazas aceptadas será publicada o día 25 de xuño na web do Concello. Máis información, en burela.org ou nos números de teléfono 982 580 867 e 647 136 673.