Burela pecha o exercicio 2024 con contas saneadas e un remanente de máis de 5,9 millóns de euros

O Concello de Burela vén de pechar o exercicio económico de 2024 con superávit en termos de estabilidade orzamentaria e cun remanente de tesouraría de 5.923.359,84 euros, o que reflicte unha situación financeira sólida e sen débeda municipal.
A pesar de que ao longo do ano se rexistrou un gasto superior aos ingresos, o goberno local explica que isto se debe ao uso responsable dos aforros municipais para financiar distintos proxectos e melloras, sen necesidade de recorrer a ningún tipo de crédito. Entre as actuacións máis destacadas figura o expediente de expropiación por máis dun millón de euros, sufragado integramente con fondos propios.
Desde o Concello subliñan que este modelo de xestión “é comparable ao dunha familia que emprega os seus aforros para investir nunha vivenda ou mellorar o seu fogar: trátase de gastar de maneira responsable e planificada”.
Burela mantén así unhas contas saneadas, sen déficit e con capacidade de financiamento, o que lle permite continuar impulsando proxectos e investimentos en servizos e infraestruturas sen comprometer o equilibrio orzamentario.