Burela pecha a súa I Semana da Infancia cun mural colaborativo na Casa da Xuventude

AMariñaXa
A obra foi elaborada por nenos e nenas nun obradoiro artístico guiado por Adri Pardo, e recolle o deseño de dous mozos creadores locais
BURELA-Mural-Infancia-2025-xuno
24 Jun 2025

O Concello de Burela clausurou a súa primeira Semana da Infancia cun acto simbólico e cheo de cor: a inauguración dun mural colectivo na Casa da Xuventude. A peza, creada no marco dun obradoiro de pintura mural infantil, representa o espírito participativo e creativo da infancia e adolescencia do municipio, e supón un símbolo da nova etapa que o Concello quere abrir a favor da mocidade.

O deseño do mural foi ideado por Shiva Alinda, habitual nos certames culturais organizados polo Concello, e Yago Fernández Rubiños, membro activo do Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela. Baixo a coordinación do artista Adri Pardo, un grupo de nenos e nenas de distintas idades traballou man a man para trasladar á parede esta creación conxunta, convertendo o mural nun reflexo das súas ilusións, da súa mirada e da súa pegada na vila.

O obradoiro desenvolveuse como colofón á Semana da Infancia e contou cun acto de clausura no que todas as persoas participantes foron recoñecidas cunha medalla pola súa implicación. “Pareceunos moi boa idea premiar a participación, a creación e a iniciativa de parte da infancia e adolescencia, e quixemos exemplificar así o noso agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta I Semana da Infancia”, sinalou o concelleiro de Mocidade, Mario Pillado.

O edil agradeceu tamén de forma especial a implicación de Noelia Legazpi, educadora familiar, e Jaime Méndez, técnico da Casa da Xuventude, que lideraron o proxecto artístico, así como das monitoras da Aula Gaia, promotoras da idea. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o técnico de deportes, o persoal de obras e o resto de departamentos municipais que colaboraron de diferentes maneiras.

“Queremos dar as grazas tamén a todas as persoas que lideraron obradoiros, charlas e actividades durante esta semana. Xa estamos traballando na organización da segunda edición da Semana da Infancia”, avanzou Pillado.

Pola súa parte, a alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor o espírito que anima este tipo de iniciativas: “Ser Cidade Amiga da Infancia significa escoitar, coidar e traballar para que a infancia e a xuventude medren cunha boa calidade de vida e, sobre todo, que sexan felices en Burela”.

López sinalou que o recoñecemento outorgado por UNICEF no 2024 impulsou ao Concello a crear espazos de participación real para os máis novos. “Saben que poden contar connosco. Son eles quen mellor coñece os espazos públicos, os parques, o que funciona e o que non. Por iso queremos que sexan parte activa deste proxecto colectivo”, concluíu a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.14090704917908