Burela participou no IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía
O IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía deu comezo en Santo António, São Tomé e Príncipe, coa participación de representantes de cinco concellos galegos entre os que se atopou Mario Pillado, primeiro tenente de alcaldesa de Burela.
'Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’ é a temática central do encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Rexión Autónoma do Príncipe e financiado pola Xunta de Galicia, que houbo de adiarse debido a unha incidencia nas conexións aéreas entre illas.
No entanto, o traballo iniciouse xa o luns na Illa de São Tomé, con xuntanzas da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Fomentar a aprendizaxe mutua entre os gobernos locais, incrementar a eficacia nos proxectos de cooperación internacional e colaborar na territorialización da Axenda 2030 son algúns dos obxectivos desta alianza e das propias xornadas.
Algúns dos grandes temas tratados onte foron o cambio climático, áreas protexidas, xestión do lixo, educación ambiental ou turismo sustentable. Os participantes visitaron a sede da Reserva da Biosfera, un centro de valorización de residuos, a fábrica de chocolate e distintas cooperativas.