Burela participa en Sevilla no VI Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local

O Concello de Burela forma parte da representación galega que está a tomar parte no VI Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local, un encontro internacional que se celebra en Sevilla e que reúne a máis de 3.000 participantes procedentes de máis de cen países. O evento, promovido polo Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), ten como obxectivo analizar os retos da transformación dixital, social e económica dende unha óptica local.
O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, integra a delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, xunto a representantes dos concellos de Nigrán, Tui e Boiro. Ao longo das xornadas do foro, os asistentes tiveron ocasión de intercambiar coñecementos e boas prácticas con representantes doutras administracións locais, gobernos rexionais e nacionais, así como con organizacións do terceiro sector.
"Este foro permitiunos compartir experiencias con compañeiros e compañeiras doutras administracións, tanto locais como estatais, ademais de coñecer persoas de todo o mundo comprometidas coa cooperación e a solidariedade", indicou Pillado, quen valorou moi positivamente a participación de Burela neste espazo de diálogo internacional.
Un dos puntos destacados para a delegación galega foi o reforzo dos vínculos con Cabo Verde, un país historicamente conectado con Burela. Durante o foro, mantivéronse encontros con representantes das cámaras municipais caboverdianas, incluído o presidente da súa federación, e tamén coa secretaria de Estado de Cooperación, Eva Granados.
"Foi especialmente relevante manter conversacións co persoal das Cámaras de Cabo Verde e coa secretaria de Estado, que nos falou da importancia da relación entre Burela e o seu país. Isto podería ser o punto de partida para futuros proxectos conxuntos de cooperación", sinalou o tenente da alcaldesa.
A delegación galega participou tamén nunha reunión do Consello Confederal da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, entidade na que o Fondo Galego ocupa a vicepresidencia. Alí avanzouse en propostas de colaboración co Executivo central e na preparación do III Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, que se celebrará o vindeiro mes de maio en Gandia (Valencia).
Pillado aproveitou para recoñecer o labor do equipo técnico do Fondo Galego, agradecendo o seu traballo para facer posible a presenza de Burela nun foro "de tanta relevancia para a cooperación internacional e o desenvolvemento sostible".