Burela organiza unha nova edición de “Pascua con Gaia” con actividades para a infancia e as familias

AMariñaXa
O programa desenvolverase os días 31 de marzo e 1 de abril con propostas ao aire libre e obradoiros creativos
Imaxe recurso dunha nena xogando con ovos de Pascua
25 Mar 2026

O Concello de Burela vén de presentar unha nova edición de “Pascua con Gaia”, unha iniciativa dirixida á infancia e ás familias que ofrecerá distintas actividades os días 31 de marzo e 1 de abril en varios espazos do municipio. O obxectivo desta programación é promover o lecer educativo e o contacto coa natureza durante as datas de Pascua.

A primeira das citas terá lugar o martes 31 de marzo, ás 11:30 horas, no Parque Rosalía de Castro, cunha busca de ovos de Pascua pensada para a cativada. Esta actividade busca fomentar o xogo ao aire libre e a relación co entorno natural nun ambiente lúdico e participativo.

O programa continuará o mércores 1 de abril, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura, cun obradoiro baixo o título “Crea a túa mona de Pascua de feltro”. A proposta está dirixida tanto a persoas adultas como a nenos e nenas acompañados, e ten como finalidade potenciar a creatividade a través de actividades manuais. Para participar nesta actividade será necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico gaia@burela.org
ou no teléfono 647 136 673.

A concelleira responsable da Aula Medioambiental Gaia, Lina Gómez, destacou que esta iniciativa pretende “achegar á infancia a importancia de gozar do noso entorno natural dun xeito lúdico e educativo, promovendo valores como o respecto polo medio ambiente, a creatividade e a convivencia en familia”.

Desde o Concello de Burela animan á veciñanza a participar nesta proposta, que busca ofrecer alternativas de lecer durante a Pascua ao tempo que fomenta hábitos de participación activa e respectuosa coa contorna.

0.13191294670105