Burela organiza un obradoiro de monicreques de calcetín para os máis pequenos

O Concello de Burela impulsa unha nova proposta cultural destinada ás nenas e nenos e ás súas familias. O próximo sábado 18 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal acollerá un obradoiro de construción e animación de monicreques de calcetín, que se desenvolverá de 11:30 a 12:30 horas.
A actividade está pensada para nenos a partir de 3 anos, que poderán asistir acompañados dos seus proxenitores. Durante o taller, cada participante terá a oportunidade de crear o seu propio monicreque e aprender a animalo, combinando creatividade, xogo e expresión artística.
As inscricións xa están abertas na Biblioteca Municipal e permanecerán dispoñibles ata o xoves 16 de outubro, en horario de mañá e tarde. O número de prazas é limitado a 40 participantes, que se cubrirán por orde de inscrición.
A xornada contará coa presenza de Tin (o Calcetín) e Tina (a Calcetina), dous simpáticos monicreques que animarán o obradoiro e acompañarán aos pequenos na súa experiencia.
Esta iniciativa forma parte do programa autonómico “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, que busca fomentar o hábito lector e a creatividade mediante actividades culturais abertas á cidadanía.