Burela organiza cursos para a integración das persoas estranxeiras e para a obtención da nacionalidade
A Concellería de Inmigración e Cooperación organiza un curso formativo para axudar a acadar un bo grado de integración ás persoas estranxeiras. Desenvolverase do 8 ao 15 de abril, no Concello burelés, e terá unha duración de 24 horas.
Segundo explica a edil Angélica Gómez “uhna novidade no novo regulamento de estranxeiría é a emisión dos informes de esforzo de integración que poden ser válidos para as renovacións de autorizacións, avaliándose especialmente o esforzo de integración na persoa estranxeira, acreditando a asistencia ás accións formativas de coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, dos valores estatutarios de Galicia, dos valores da Unión Europea, así como dos dereitos humanos, liberdades públicas, democracia, tolerancia e igualdade entre homes e mulleres. Esta acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo”.
A Concellería de Inmigración e Cooperación tamén realizará un breve un cursiño para axudar a preparar a proba de coñecementos constitucionais e socioculturais de España para a adquisición da nacionalidade española. “A temática deste curso é coñecer o Goberno, lexislación e participación cidadá, a organización territorial de España, xeografía física e política, cultura e historia de España e sociedade española”, engade Angélica Gómez.
As persoas interesadas en asistir a estes cursiños poden solicitar máis información sobre ambas actividades na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 982 586 000.