Burela necesita apoio para a celebración do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte
O Concello de Burela demandou apoio da Xunta para a celebración do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e para a organización de diferentes actividades paralelas coas que renderlle homenaxe á Feira do Bonito. Esta festa foi declarada de interese turístico nacional en 2019 e todo apunta a que non poderá celebrarse no seu formato habitual este ano por mor da actual situación sanitaria. O concelleiro de Cultura, José Díaz, reuniuse nas últimas horas, en Santiago, coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e coa directora de Competitividade deste organismo, María Baleato.
O edil burelés contou que “foi un encontro buscando apoio por parte da Xunta para facer algo que sirva de homenaxe, se non se pode facer a Feira do Bonito co formato habitual, a esta festa que foi declarada de Interese Turístico Nacional. Despois de moito traballo por parte do Concello, levabamos desde o 2016 tentándoo e ao fin en 2019, un mes antes da celebración da Feira do Bonito declaráronnos de Interese Turístico Nacional. Iso significaría que a partir de 2020 teriamos unha axuda moito maior, de 5.000 euros pasaríase a 25.000 euros, e non a puidemos gozar por culpa da pandemia”.
José Díaz subliñou que “en 2021 queriamos saber se esta axuda ía facer chegar ou non ás festas de interese turístico nacional. Dixéronme que ían apoiar este tipo de festas, as de interese nacional e internacional, e a min paréceme lóxico porque custa moito chegar a conseguir ese galardón, e o feito de que se poidan celebrar ou non co formato normal non implica que non se apoie a súa promoción, a súa divulgación e a que se fagan actos seguros. Ese foi o meu ofrecemento a Turismo e á Xunta, poder facer en Burela unha proba piloto, podemos dicir, ou acordar con eles como celebrar o Certame de Pintura Mural Amarche e eventos paralelos que se poidan celebrar con normalidade e con seguridade”.
O responsable de Cultura no Concello de Burela engadiu que “quedo pendente de, a semana que vén, volver reunirme coa Xunta para concretar o que se pode facer e se ao final hai esa axuda económica ou non para a Feira do Bonito, que para nós sería importante para poder dotala de eventos que sexan atractivos para a xente e que axuden a promocionar esta feira, para que o ano que vén, se todo vai ben e retómase en formato habitual, ninguén se esqueza dela e que se saiba que este ano tamén nos preocupamos de promocionala xunto coa Xunta e a propia asociación Ledicia, organizadora da feira. Quedamos en espera de saber algo máis a semana que vén para poder ir programando actividades para a feira”.