Burela mellora a iluminación pública con actuacións en varios puntos da vila

O Concello de Burela segue avanzando na modernización do alumeado público con varias actuacións en distintos puntos da vila. En Vilar, substituíronse 33 metros de cableado danado, mellorando o servizo. No Muro de Amarte, instaláronse seis novos focos para unha iluminación óptima.
No complexo deportivo de A Marosa, renováronse tres focos no campo artificial e un proxector no natural, ademais de solucionar os problemas no sistema de rego do terreo artificial. Finalmente, na Avenida Arcadio Pardiñas, solucionáronse avarías causadas por inundacións, aínda que segue pendente a substitución de equipos e o selado de luminarias.
Doutra banda, o Concello tamén traballa na mellora da seguridade viaria. Tras as peticións veciñais, xestionouse coa Deputación de Lugo a instalación dunha barreira de seguridade de protección na estrada LU-P-1502, na subida ao Montes Castelo.
A recente tala de vexetación na zona próxima aos depósitos de auga deixou un desnivel perigoso, representando un risco tanto para vehículos como para peóns.