Burela lembra que hai que manter limpas as fincas como medida ante incendios
O Concello de Burela advirte de que os incumprimentos poderán derivar en sancións en función da situación das fincas ou parcelas afectadas.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, vén de emitir un bando para lembrar ás persoas propietarias de parcelas e fincas a obriga de manter limpos estes espazos, xestionar correctamente a biomasa vexetal e retirar especies arbóreas prohibidas para a prevención e defensa contra os incendios.
No bando especifícase que todos os propietarios de terreos clasificados como solo urbano ou urbanizable sitas no termo municipal do Concello de Burela deberán executar na totalidade da superficie referida os traballos de roza que sexan precisos, limpar e eliminar residuos nas debidas condicións de hixiene, salubridade e seguridade, que xestionen a biomasa vexetal e que se corten e retiren as árbores que podan supoñer un perigo no relativo aos incendios forestais.
Tamén entrarían dentro da obriga aquelas persoas físicas ou xurídicas de parcelas ou fincas que teñan a consideración de monte ou terreo forestal, ou ben que estean situadas nas zonas de influencia forestal. Ademais do anteriormente exposto, deberán proceder á retirada das especies arbóreas no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, así como adecuar as masas arboradas existentes e as novas plantacións ás distancias mínimas establecidas na Lei de Montes de Galicia.
Esténdese a norma particularmente a determinados lugares indicados no bando, sen prexuízo doutras zonas, dando o prazo dun mes improrrogable para a súa execución. Serían as parcelas e/ou fincas situadas nas inmediacións da zona industrial do Perdouro (rúa Camiño Real, LG do Bordeón, Ancares, Lamestra, Perdouro); nas inmediacións da zona do Instituto Monte Castelo, Ceip Vista Alegre e Escola Infantil Galiña Azul de Burela (rúa Camiño Real, Perdouro, Pelamios, rúa do Torques); na contorna da zona do Hospital da Mariña (Barreira, Xardín, Rinchaforte, rúa Rafael Vior, rúa Camiño Real); na zona da Casa Cuartel da Garda Civil (Cancelo – estrada de Vilaestrofe); nas inmediacións da Vila do Medio (Camiño de Pardiñas, Cinoche, Camiño da Mulariña, Camiño de Vilar); nos arredores do Vilar (Camiño de Pardiñas, Camiño de Vilar, Camiño das Riveiras); e onde os Castros e a Estrada da Marosa (Camiño dos Colexios, Estrada da Marosa, Camiño de Langoria, Camiño do Foxo).
Desde o Concello instan aos propietarios destes terreos a que procedan de inmediato a realizar os traballos de conservación, mantemento e limpeza como medidas obrigatorias de prevención e defensa contra os incendios, indicando que iniciarán e tramitarán procedementos sancionadores naqueles casos que se incumpra e en función da situación das parcelas ou fincas afectadas.