Burela lánzase ao verán cun amplo programa deportivo e lúdico para toda a veciñanza

AMariñaXa
O Concello arranca en xullo o ciclo “Verán Burela 2025” con xogos, rutas, torneos e campamentos para fomentar un estilo de vida activo
campamento_burela
23 Jun 2025

O Concello de Burela prepárase para un verán cheo de actividade e participación coa posta en marcha dun completo programa dirixido á mocidade e ao conxunto da cidadanía. A partir do martes 1 de xullo e ata o 29 de agosto, desenvolverase o ciclo Verán Burela 2025, unha iniciativa impulsada pola Delegación de Deportes coa que se busca dinamizar os meses estivais mediante actividades deportivas e de lecer.

A programación inclúe propostas para todos os gustos: xogos na praia os luns, sendeirismo e surf os martes, surf e rutas en bicicleta os mércores, happy dance os xoves e iniciación ao baloncesto os venres. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse na Casa da Xuventude entre o 24 e o 26 de xuño. O prezo por actividade e mes será de 8 euros.

Desde a área de Deportes sinalan que, paralelamente, se están a organizar competicións abertas á cidadanía como fútbol 3x3, fútbol praia, baloncesto 3x3 e vóley praia. Ademais, avanzan que se traballa na creación dun novo torneo de fútbol para este verán, co obxectivo de enriquecer a oferta e fomentar a participación interxeracional.

A alcaldesa, Carmela López, puxo en valor o traballo conxunto das diferentes áreas municipais para ofrecer “unha programación variada, pensada para dinamizar a vila, promover o deporte e crear espazos de encontro durante o verán”. Subliñou que se trata dunha oportunidade para “fomentar hábitos saudables e unha vida activa entre veciños e veciñas de todas as idades”.

A actividade xa comezou con forza nos últimos días. A Marosa Cup, que reuniu a numerosos equipos, finalizou onte, mentres que o Memorial Heroes de Orzán pon o seu punto final este martes. Ademais, este luns comezou o campamento de ximnasia rítmica, que se desenvolverá ata o venres 27 pola mañá. O mércores 25 arrancará o Campus de fútbol sala Antía Pérez, que se celebrará no Pavillón Vista Alegre ata o 29 de xuño, e a fin de semana dará comezo o campamento musical, outra das novidades desta edición.

Con esta programación, Burela quere converterse nun punto de referencia do verán na Mariña, cunha proposta dinámica, participativa e saudable para gozar da estación máis longa do ano.

⚙ Configurar cookies
0.167809009552