Burela lanza unha campaña para reducir as cabichas nas praias

AMariñaXa
O proxecto “Sen cabichas, praias máis limpas” busca protexer o mar e facilitar o traballo dos equipos de limpeza
BURELA-SEN-CABICHAS-PRAIAS-MaIS-LIMPAS-2025
19 Aug 2025

O Concello de Burela estreou este verán unha iniciativa destinada a minimizar a presenza de cabichas nas praias e evitar que acaben no mar. Baixo o lema “Sen cabichas, praias máis limpas”, a campaña pretende loitar contra un dos residuos máis contaminantes dos areais, que poden afectar a biodiversidade mariña e aos fondos oceánicos. Cada cabicha é capaz de contaminar ata dez litros de auga mariña e tarda arredor de dez anos en degradarse.

A medida máis visible consiste na instalación de dúas estruturas de madeira con dispensadores de cinceiros portátiles, situadas nas praias da Marosa e do Portelo. Estes cinceiros, reutilizables e con tapa, permiten cravar na area o cono e depositar nelas cabichas ou pequenos restos, como cáscaras de pipas, para baleiralos despois nas papeleiras e devolvelos á estrutura para un novo uso.

A alcaldesa, Carmela López, destacou que “non se trata só de manter os areais limpos, senón de protexer o noso mar. Un xesto tan sinxelo como usar un cinceiro portátil pode evitar que as cabichas contaminen a auga e afecten á biodiversidade mariña”.

Esta acción enmárcase dentro do proxecto “Ondas Limpas”, financiado polo GALP A Mariña Ortegal a través do FEMPA, que busca sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de coidar a zona costeira e fomentar hábitos responsables entre residentes e visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.16529989242554