Burela inviste 200.000 euros na mellora da rede abastecemento
O Concello de Burela vén de finalizar unha importante obra de mellora na rede de abastecemento de auga na zona de Pomeda, cun investimento de preto de 40.000 euros. Esta actuación forma parte dun conxunto de melloras que o Goberno local está a realizar en todo o municipio para optimizar o servizo de abastecemento e saneamento.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, explicou que esta intervención era "moi necesaria" debido aos problemas previos de falla de presión na rede. "Permitirá que o funcionamento desta rede sexa óptimo", sinalou. Este proxecto súmase a outros traballos realizados nos últimos meses, que alcanzan un valor total superior aos 200.000 euros. Entre eles, Fernández Rey destacou as actuacións no abastecemento e saneamento da rúa Río Sil, cun custo de 42.000 euros, e na rúa Camiño Real, onde se investiron 34.000 euros.
Tamén se executaron melloras no saneamento da zona de Vilastrofe por 26.000 euros, no Camiño do Cancelo por 28.000 euros, e nos depósitos de auga de Luis Seoane, cun investimento de 42.000 euros. Ademais, o Concello mellorou o sistema de telecontrol na estación depuradora cun custo de 42.000 euros, un investimento que se aproveitará na nova depuradora que se espera construír en breve.
Fernández Rey destacou a importancia destas melloras para garantir un servizo eficiente á veciñanza e reducir ao máximo as fugas de auga. Aínda que Burela xa se atopa entre os concellos máis eficientes en canto á xestión da rede, cunha eficiencia do 90%, o Goberno local continúa investindo para manter e mellorar este nivel de servizo.
O edil concluíu subliñando o compromiso do Goberno local coa mellora continua das infraestruturas de abastecemento e saneamento, un tema de gran importancia para a veciñanza de Burela, especialmente en comparación cos problemas de auga que se teñen producido noutros concellos da contorna.