Burela instalará cámaras de videovixilancia para reforzar a seguridade viaria

AMariñaXa
O Concello asegura que o sistema apoiará á Policía Local e mellorará a protección de peóns e vehículos
Casa_concello_Burela
24 Sep 2025

O Concello de Burela vén de anunciar a posta en marcha dun sistema de videovixilancia nas vías municipais, co obxectivo de mellorar a seguridade tanto de vehículos como de peóns, ademais de reforzar a protección da veciñanza. Nos próximos días instalarase un conxunto de cámaras de última xeración, que inclúen equipos con lectura de matrículas, dispositivos robotizados e cámaras fixas.

A alcaldesa, Carmela López, explicou que “trátase dunha ferramenta máis para apoiar o traballo da Policía Local no control do tráfico e na resolución de incidencias. Non falamos dun sistema que multe automaticamente nin que estea pensado para sancionar, senón para reforzar a seguridade e a tranquilidade cidadá”.

As cámaras permitirán un control continuo do tráfico durante as 24 horas do día, axudando a organizar a mobilidade e a garantir a seguridade viaria no casco urbano. Tamén contribuirán á protección da veciñanza, tanto no tránsito de vehículos como na seguridade das persoas que camiñan polas rúas. Outro dos seus usos será a investigación de incidencias, xa que permitirán buscar vehículos por matrícula, marca, modelo ou cor, “algo especialmente útil en casos de danos, accidentes ou infraccións sen testemuñas”, engadiu López.

A cámara robotizada poderá orientar o seu enfoque en tempo real, ofrecendo apoio en eventos ou situacións concretas. As imaxes recollidas tamén poderán empregarse como proba en casos de delitos ou infraccións administrativas, como condutas incívicas, pintadas ou roubos.

A alcaldesa subliñou que se trata dunha “ferramenta para gañar en tranquilidade” e insistiu en que “as cámaras instalaranse para que a veciñanza se sinta máis segura. Queremos que Burela siga sendo unha vila tranquila, ordenada e protexida”.

⚙ Configurar cookies
0.089480876922607