Burela instala, por primeira vez na historia das súas patronais, un punto morado

AMariñaXa
O punto de seguridade Caravana Morada está presente na rúa Eijo Garay en horario de 23.00 a 7.00.
punto_morado_burela_festas
Punto morado
3 Xuño 2024

O Concello de Burela instala, por primeira vez na historia das súas festas patronais, un punto morado para atender ás persoas asistentes en materia de violencia machista, delitos de odio e situacións de vulnerabilidade. O punto de seguridade Caravana Morada está presente na rúa Eijo Garay en horario de 23.00 a 7.00.

A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destaca “a gran importancia deste servizo, que foi considerado como exemplo de boas prácticas pola FEMP para previr a violencia de xénero a nivel local”. É esencial “seguir loitando pola igualdade das mulleres tamén no contexto das festas, porque, por exemplo, segundo datos do Ministerio do Interior, de cada seis violacións só se denuncia unha”, sinala a concelleira.

O equipo da Caravana Morada está composto por unha educadora social e mais por unha psicóloga xurídica e sexóloga especializada en xénero e criminoloxía. As profesionais están formadas tamén en primeiros auxilios para atención de baixa intensidade. Entre as funcións da caravana están as de proporcionar atención psicolóxica e eventualmente acompañar no traslado a un centro médico a vítimas de violencia machista ou delitos de odio, asegurando sempre o anonimato das persoas.

Tamén serve como punto de seguridade para menores de idade, para proporcionar atención social en caso de situacións de vulnerabilidade ou como punto de carga móbil gratuíta para evitar situación de vulnerabilidade de rapazas e rapaces, entre outras funcións. As profesionais proporcionan tamén información sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional segundo as consultas que se lles trasladen. Atópanse en coordinación constante co dispositivo de seguridade das festas.

0.11015200614929