Burela inaugura unha exposición colectiva contra a discriminación racial

O Concello de Burela abriu onte ao público na Casa da Cultura unha exposición que recompila máis de dez anos de participación veciñal con motivo do Día Internacional contra a Discriminación Racial. A iniciativa enmárcase dentro da programación municipal arredor do 21 de marzo e poderá visitarse ata o vindeiro 10 de abril.
A mostra reúne traballos elaborados por persoas de diferentes idades e procedencias que, ao longo dos anos, tomaron parte nos concursos promovidos con esta finalidade. O percorrido expositivo segue unha orde cronolóxica que vai desde o ano 2014 ata 2025, agás o 2020, cando a actividade non puido celebrarse por mor da pandemia.
Durante a inauguración, o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, puxo en valor o papel da cidadanía neste proxecto, destacando que cada obra transmite unha mensaxe centrada na convivencia, o respecto e a diversidade. Segundo sinalou, a exposición serve tamén como recoñecemento ao compromiso social demostrado ao longo dos anos.
Entre os contidos inclúense creacións en distintos formatos, ás que se suma un vídeo correspondente á edición de 2024, accesible a través dun dispositivo instalado na sala. Nas últimas edicións apostouse por un formato máis aberto, permitindo aos participantes expresar as súas ideas con maior liberdade creativa.
Como complemento á exposición, o Concello convocará unha xuntanza aberta o 27 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Plenos, onde se recollerán novas propostas vinculadas á loita contra a discriminación racial.
Desde o goberno local subliñan que esta programación forma parte dunha estratexia continuada de sensibilización e promoción da multiculturalidade en Burela.