Burela inaugura o molde do faro como símbolo artístico e patrimonial da memoria mariñeira

AMariñaXa
A obra de David Catá, titulada “La piel del mar”, converte o antigo molde do faro nun espazo que une arte contemporánea, identidade e sentimento colectivo
Concello-de-Burela-Molde-do-Faro
25 Oct 2025

O Concello de Burela celebrou a inauguración do molde do faro, unha intervención artística e patrimonial situada no paseo da Marosa que forma parte do proxecto “O Espello do Faro”, incluído no programa Burela Alumea e financiado polo FEMPA a través do GALP A Mariña – Ortegal.

A peza recupera a estrutura metálica empregada na reconstrución do Faro de Burela tras o temporal de 2014, transformándoa nun elemento simbólico que representa a resistencia e a memoria da vila. A intervención leva a sinatura do artista David Catá e leva por título “La piel del mar”, unha proposta que conecta arte contemporánea, memoria mariñeira e participación social.

No acto de inauguración participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López, representantes do GALP A Mariña Ortegal e da Consellería do Mar. López destacou que o faro “é un símbolo para toda a vila” e lembrou que a súa caída en 2014 “non só levou unha estrutura, tamén tocou unha identidade colectiva”. Engadiu que recuperar o molde “é afirmar que seguimos aquí, que Burela non se quebra nin co vento nin coas mareas”.

A rexedora tamén puxo en valor o traballo do artista David Catá, subliñando a súa capacidade para “escoitar a emoción que hai nas cousas e facer unha obra que conecta coa memoria, co sentimento e co orgullo de mirar ao mar sen medo”. Concluíu que ver o molde convertido en arte “é recuperar unha parte da alma de Burela e devolvela máis luminosa”, asegurando que o proxecto “é identidade e pertenza”.

A inauguración incluíu un percorrido explicativo polo proxecto, unha performance artística de David Catá e unha degustación de produto pesqueiro local. Coa posta en uso deste novo espazo, o Concello de Burela reafirma o seu compromiso coa memoria mariñeira e coa creación cultural vinculada ao territorio, ofrecendo un novo punto de encontro para a cidadanía e para quen visita a vila.

⚙ Configurar cookies
0.073135852813721