Burela-IN organiza un concurso para decorar o muro da antiga fábrica conserveira
A Concellería de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela presenta o Programa Burela Inclusiva, actividade pertencente ao proxecto Burela IN no que se inclúe o concurso para a elaboración dunha obra de arte nun muro do porto. A obra artística gañadora será premiada con 3.000 euros.
Este proxecto ten o obxectivo de recuperar e valorizar residuos e recursos derivados do mar e das actividades marítimo pesqueiras, a través da participación de entidades de inclusión social, o sector pesqueiro e a administración local. O proxecto consiste na dinamización das entidades, e para iso realízanse unha serie de actividades que pretenden fomentar a economía circular vinculada á actividade marítimo pesqueira.
Será preciso contemplar na obra presentada o uso de redes de pesca e nasas como elemento artístico (redes en desuso ou redes recollidas do mar, que serán reutilizadas). Así mesmo, empregarase material da antiga fábrica Gres Burela. Para coñecer ambos materiais e contemplar in situ o muro que servirá de soporte para realizar a obra, prográmase unha xornada o día 22 de febreiro ás 10.00 horas na que os e as artistas poderán coñecer as posibilidades coas que contan. De non poder asistir á xornada, pode poñerse en contacto coa organización, e se lle facilitará información a través de imaxes e vídeos.
As medidas do muro son aproximadamente de 40 x 4,5 m². A obra artística poderá abarcar o espazo que o/a artista considere, dentro deste límite. A ubicación do muro sitúase na Rúa do Berbés, esquina con Rúa Eijo Garay.
A técnica será libre, adaptándose en todo momento ás bases deste concurso. Cada participante comprométese a realizar a obra no tempo estimado e de acordo a estas bases.
As propostas enviaranse ao enderezo electrónico burelain@burela.org , xunto cos seguintes datos: bocetos, proxecto, título da obra, teléfono de contacto e datos persoais do autor.
A data límite de entrega das propostas será un mes despois da publicación das bases, o día 13 de marzo de 2022, e o prazo para executar a obra será de aproximadamente 20 días, sendo a data límite o día 22 de xuño.