Burela impulsa unha nova escultura co castiñeiro centenario tras o incendio que destruiu a primeira peza

O Concello de Burela deu un novo paso para recuperar o simbolismo do castiñeiro centenario do camiño de Cinoche ao anunciar a elaboración dunha nova escultura creada a partir dos restos calcinados da peza anterior. O artista Carlos García, autor da primeira obra, xa está a traballar nesta segunda intervención, que contará cunha base de formigón máis ampla e reforzada para garantir maior estabilidade.
O proxecto, desenvolvido polo escultor Carlos García, manterá a esencia do pedido inicial —converter a árbore nun espazo para sentarse— pero desta volta contará con varios elementos, motivo polo que foi necesario ampliar a soleira de formigón onde se instalará.
A decisión chega menos dun mes despois de que a primeira escultura —un banco elaborado coa madeira do propio castiñeiro— aparecese queimada a finais de xullo, un acto que provocou unha fonda indignación na veciñanza. A obra, inaugurada o 9 de xullo, servía como punto de descanso e miradoiro para os usuarios da ruta circular e gozara dunha importante repercusión dende o seu debut.
A memoria do castiñeiro continúa a ser o fío condutor deste proxecto municipal. O exemplar, derrubado en febreiro de 2024 polos fortes refachos de vento da borrasca Karlotta, era un elemento moi apreciado tanto polos veciños como polos visitantes, que acostumaban facer unha parada obrigatoria baixo a súa copa. Por iso, o Concello buscou alternativas desde o primeiro momento para preservar o seu valor simbólico e manter vivo o recordo dunha árbore que se convertera nun emblema local.
A concentración convocada no lugar dos feitos tras o incendio evidenciou o apoio cidadán a esta iniciativa. Agora, coa creación da nova escultura, o Concello aspira a converter esta segunda peza nun símbolo de resistencia e continuidade, ademais dun espazo para o desfrute dos camiñantes que percorren a zona.
A transformación permitirá que a veciñanza poida recuperar, en forma de arte pública, unha parte moi querida da súa memoria colectiva. A alcaldesa adianta que o conxunto chegará a Burela a finais de mes: “Estou desexando ter as pezas xa na vila para que todas e todos as poidamos desfrutar.”