Burela impulsa unha nova edición das clases de bailes de salón para promover o lecer activo

AMariñaXa
A iniciativa celebrarase os domingos e busca fomentar a actividade física e a convivencia veciñal
bailar-imaxe-xeral
24 Feb 2026

Burela volverá encherse de ritmo coa posta en marcha dunha nova edición das clases de bailes de salón, unha proposta aberta á veciñanza que se desenvolverá todos os domingos entre as 19:00 e as 20:30 horas.

A concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, explicou que esta actividade nace coa finalidade de “promover a actividade física, o lecer saudable e a participación social a través do baile”, convertendo cada sesión nun punto de encontro para compartir, aprender e divertirse.

Desde o Goberno local destacan que o obxectivo vai máis alá do exercicio físico. Con esta iniciativa preténdese fortalecer os vínculos entre veciñas e veciños, crear espazos de relación interxeracional e fomentar hábitos de vida activos nun ambiente distendido e participativo. O baile, subliñan, é unha ferramenta que combina saúde, cultura e convivencia.

As persoas interesadas en formar parte desta actividade poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información na Casa do Concello. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.

Esta proposta enmárcase na estratexia municipal orientada a ampliar a oferta de lecer activo e a dinamizar a vida social do municipio, ofrecendo alternativas accesibles e atractivas para a cidadanía.

0.080353021621704