Burela impulsa un curso de batucada para fomentar a participación cultural

O Concello de Burela porá en marcha un curso de batucada a partir do vindeiro venres, 6 de febreiro, cunha proposta pensada para dinamizar a vida cultural do municipio e promover a participación activa da veciñanza. A actividade estenderase ata o mes de xuño e celebrarase con carácter semanal, todos os venres en horario de 18:00 a 19:30 horas, na Praza de Abastos.
O curso conta con prazas limitadas e está dirixido a persoas maiores de 12 anos empadroadas en Burela. Non é necesario ter coñecementos previos nin experiencia musical, xa que a formación está concibida para todos os niveis. Ademais, as persoas participantes terán a opción de acudir co seu propio instrumento de percusión.
A formación estará a cargo de Carlos Méndez, integrante da Batucada CadaBatú, quen guiará ao grupo na aprendizaxe dos ritmos básicos e no traballo colectivo propio desta disciplina musical. O programa inclúe tamén a posibilidade de que o alumnado participe en desfiles durante celebracións destacadas como o Entroido e as Festas Patronais, sempre que se cumpran os requisitos mínimos de asistencia establecidos pola organización.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que esta iniciativa busca ofrecer alternativas “atractivas e dinámicas que animen tanto á xente nova como á adulta a implicarse na vida cultural de Burela”, sinalando que a batucada “é unha ferramenta perfecta para crear grupo, fomentar a expresión artística e encher de ritmo o espazo público”.
Segundo explicou a edil, con este tipo de propostas o Concello de Burela “continúa a apostar por unha cultura participativa, accesible e integrada no día a día da veciñanza”, reforzando a programación municipal con actividades abertas e inclusivas.
As persoas interesadas en participar poden obter máis información e formalizar a súa inscrición na Casa do Concello.