Burela impulsa o hábito de camiñar á escola cunha nova campaña educativa

O Concello de Burela vén de poñer en marcha esta semana a campaña 'Eu, a pé ao cole', unha iniciativa que aposta por recuperar o hábito de camiñar aos centros educativos como fórmula para mellorar a saúde, coidar o medio ambiente e reforzar a vida comunitaria. O proxecto arrancou onte nos colexios da vila e estenderase aos institutos a partir do vindeiro luns, cun enfoque claro: consolidar costumes saudables e sostibles entre a infancia e a adolescencia.
A proposta céntrase na promoción dos desprazamentos a pé como alternativa aos vehículos motorizados. A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que esta medida contribúe a “mellorar a forma física, reducir o sedentarismo, previr a obesidade e potenciar o benestar emocional e cognitivo do alumnado”. Tamén puxo en valor o impacto ambiental positivo da campaña: “Reducimos emisións, fomentamos a interacción social e avanzamos cara a unha vila máis amable e sostible”.
Para López, accións como esta son fundamentais para construír unha sociedade máis saudable: “Apostar por movementos coma este é apostar polo futuro, pola saúde, polo medio ambiente e pola calidade de vida da nosa comunidade”. E engadiu que o compromiso do Concello vai máis alá dunha campaña puntual: “Queremos que isto sexa o xerme dun cambio real nos hábitos de mobilidade. Desde o goberno local seguiremos promovendo iniciativas que melloren o benestar da veciñanza”.
A campaña compleméntase esta semana co Encontro Anual da Estratexia para Escolares, que se celebrará este xoves ás 11:30 horas na Casa da Cultura. Será unha ocasión para facer balance das accións desenvolvidas ao longo do último ano e contará cun momento especial: a homenaxe ás xogadoras do Burela FS feminino, flamantes campioas da Copa Galicia, que serán recoñecidas como referentes de esforzo, perseveranza e traballo en equipo.
A programación continuará en maio cun novo encontro aberto ao público en xeral, reforzando o carácter integrador e participativo da proposta.