Burela impulsa novos cursos gratuítos de formación dixital para a veciñanza

O Concello de Burela, a través das áreas de Servizos Sociais e Inmigración, vén de anunciar unha nova edición dos cursos gratuítos de formación dixital “Yo conecto”, unha proposta dirixida á veciñanza co obxectivo de mellorar as competencias tecnolóxicas da poboación. As accións formativas desenvolveranse na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional e estenderanse entre o 23 de febreiro e o 18 de marzo.
A programación inclúe catro cursos diferentes, estruturados por semanas e centrados en ámbitos clave do uso cotián das tecnoloxías. As sesións impartiranse de luns a xoves, en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, facilitando así a asistencia de persoas con distintas responsabilidades persoais ou laborais.
O primeiro dos cursos, Iniciación ao mundo dixital, celebrarase do 23 ao 26 de febreiro e está pensado para persoas que desexan dar os seus primeiros pasos no manexo de dispositivos e ferramentas dixitais. Do 2 ao 5 de marzo terá lugar A túa banca dixital. Compras seguras en liña, unha formación orientada a promover o uso responsable e seguro dos servizos bancarios e das compras por internet. A terceira proposta, Ocio dixital: apps para disfrutar, desenvolverase do 9 ao 12 de marzo e afondará nas posibilidades de lecer que ofrecen as aplicacións móbiles. O ciclo pecharase do 16 ao 19 de marzo co curso Crea contido coa Intelixencia Artificial, centrado nas novas ferramentas dixitais baseadas en IA.
O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, sinala que esta iniciativa busca “dotar á cidadanía de ferramentas prácticas para adaptarse á realidade dixital actual e contribuír a reducir a fenda tecnolóxica”. Ademais, destaca que se trata de formación presencial, gratuíta e accesible a todos os niveis, “para que ningunha persoa quede atrás no acceso ás novas tecnoloxías”.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a inscrición a través do Concello de Burela, chamando ao teléfono 982 586 000 ou escribindo ao correo electrónico burela@burela.org.