Burela impulsa dous novos cursos dixitais para fomentar a seguridade e reducir a fenda tecnolóxica

AMariñaXa
O Concello ofrece formación gratuita en seguridade dixital e banca en liña para distintas idades
CEMIT-Burela
3 Nov 2025

O Concello de Burela pon en marcha dúas novas accións formativas dentro do programa #YoConecto, unha iniciativa promovida pola Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. O obxectivo principal é reforzar as competencias dixitais da cidadanía, promover un uso responsable das novas tecnoloxías e seguir avanzando na redución da fenda dixital entre xeracións no municipio.

A primeira proposta, titulada Seguridade: protexe o teu mundo dixital, está orientada a persoas de ata 59 anos e celebrarase do 24 ao 27 de novembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas, na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional. Pola súa banda, o segundo curso, A túa banca dixital: compras seguras en liña, está dirixido a maiores de 60 anos e desenvolverase do 1 ao 4 de decembro, tamén de 17.00 a 20.00 horas e no mesmo espazo municipal.

As inscricións xa están abertas e poden formalizarse de maneira presencial no Concello de Burela, chamando ao 982 586 000 ou mediante o correo electrónico burela@burela.org. Ambas actividades son totalmente gratuítas.

O tenente de alcalde, Mario Pillado, subliñou a continuidade e boa resposta deste tipo de formacións no municipio. “Os cursos anteriores xa tiveron moi boa acollida e seguen a ser unha ferramenta moi demandada pola veciñanza. Ademais, contribúen a fomentar unha cidadanía máis conectada, autónoma e segura no ámbito dixital”, afirmou o edil, destacando o compromiso do Concello con iniciativas que favorezan a inclusión tecnolóxica e a capacitación da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.072314023971558