Burela impulsa a transmisión das técnicas mariñeiras tradicionais

AMariñaXa
Redeiras, encaixeiras e palilleiras compartiron coñecementos nun obradoiro vinculado ao proxecto cultural “Burela Alumea – O espello do faro”
BURELA-A-NAVE-DE-REDEIRAS-CONVeRTESE-NUN-PUNTO-DE-ENCONTRO-PARA-PRESERVAR-OS-OFICIOS-DO-MAR-
10 Sep 2025

Burela continúa a reforzar a súa aposta pola posta en valor do patrimonio mariñeiro. O pasado luns, a nave das redeiras acolleu unha xornada de aprendizaxe e intercambio arredor das técnicas tradicionais de confección e reparación de redes de pesca.

Foron as propias redeiras quen conduciron o obradoiro, ao que tamén se sumaron encaixeiras e palilleiras da vila, así como veciños e persoas interesadas en achegarse a estes oficios vinculados ao tecer. O encontro desenvolveuse nun ambiente de colaboración, coa vontade de manter vivas prácticas artesanais que forman parte da identidade local.

Durante a sesión amosáronse técnicas fundamentais como o entrallado e o orillado dos panos de rede. As pezas confeccionadas terán unha proxección especial, pois integraranse na obra artística de David Catá, gañador do certame MoldeArte, que dá unha nova vida a redes en desuso no Molde do Faro da Marosa, un dos símbolos máis recoñecibles da unión de Burela co mar.

Ademais, as palilleiras están a elaborar unha creación propia que tamén formará parte desta iniciativa cultural, reforzando a idea de que a tradición e a arte poden camiñar xuntas.

Esta actividade enmárcase no proxecto “Burela Alumea – O espello do faro”, que ten como eixo central o Molde do Pena Burela, recentemente recuperado no seu exterior e acondicionado no seu interior para acoller elementos representativos do patrimonio pesqueiro material e inmaterial. A proposta é promovida polo Concello de Burela a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal, encargado de xestionar o programa FEMPA.

⚙ Configurar cookies
0.15686583518982