Burela impulsa a mellora da rúa Leandro Cucurny

O Concello de Burela continúa dando pasos para mellorar a rúa Leandro Cucurny, un dos espazos con maior tránsito peonil e viario do municipio. O obxectivo principal é reforzar a seguridade e facilitar a accesibilidade mediante a urbanización da zona frontal da antiga fábrica de gres, que actualmente presenta carencias urbanísticas.
O mércores 25 de xuño, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio de exposición pública do convenio urbanístico asinado entre o Concello de Burela e a empresa Galicia Playa 3 S.L., propietaria do solar situado na contorna. Este acordo, formalizado no mes de novembro de 2022, contempla a cesión voluntaria dunha parcela de 415,45 metros cadrados por parte da empresa promotora.
Segundo se recolle no documento, será o Concello quen asuma a responsabilidade de urbanizar a superficie cedida, incorporándoa ao proxecto de mellora integral da rúa. A actuación definitiva concretarase unha vez redactado o proxecto técnico, que definirá os detalles das intervencións previstas para adaptar o espazo ás necesidades actuais da veciñanza.
Con esta iniciativa, o goberno municipal procura avanzar na creación dun entorno máis accesible, cómodo e seguro, dando resposta ás demandas cidadás nun punto neurálxico do centro urbano.