Burela impulsa a creación de emprego a través da colaboración entre empresas e entidades

O Concello de Burela organizou unha reunión de traballo co tecido empresarial e asociativo do municipio co obxectivo de impulsar a creación de emprego e dinamizar o mercado laboral local. O encontro, celebrado no Salón de Plenos, contou coa participación da orientadora laboral e do director do Centro de Formación Ocupacional, así como representantes da Confraría de Pescadores, Cruz Vermella, a ONG Rescate Internacional —responsable do centro de refuxiados da vila— e empresas de sectores como a construción, restauración, limpeza e distribución.
Durante a reunión, os asistentes identificaron necesidades reais de contratación, perfís profesionais máis demandados e posibles solucións para mellorar a inserción laboral. Ademais, compartíronse recursos e establecéronse sinerxías entre empresas e entidades que poden resultar clave para a xeración de emprego en Burela.
A alcaldesa Carmela López agradeceu a implicación das empresas e destacou a importancia do encontro. "Foi unha xornada moi enriquecedora, na que detectamos necesidades formativas fundamentais para o tecido empresarial e na que, ademais, tivemos a oportunidade de informar sobre os recursos dispoñibles no concello, que moitas empresas descoñecían", explicou. López subliñou que o Concello reafirma o seu compromiso de dar continuidade a este tipo de reunións para seguir fortalecendo o mercado de traballo local.
A orientadora laboral do Concello, Paula Delcampo, tamén valorou positivamente o encontro, destacando que "permitiu coñecer mellor a realidade laboral da zona e establecer conexións entre empresas e entidades que serán decisivas para avanzar no obxectivo de contratación que persegue o Concello".
Desde Cruz Vermella Burela, Lorena Rodríguez sinalou que “foi unha reunión moi enriquecedora, xa que nos permitiu dar visibilidade ao funcionamento do Plan de Emprego e dos nosos proxectos específicos. Este tipo de espazos son fundamentais para conectar recursos con necesidades reais".
O Concello de Burela considera moi positivo o resultado desta iniciativa e comprométese a seguir organizando encontros similares que favorezan a cooperación entre os distintos axentes implicados na mellora da empregabilidade, a inserción laboral e o desenvolvemento económico do municipio.