Burela homenaxeará a Rosalía de Castro cun recital poético musicado
A Concellería de Cultura organiza un recital poético musicado tributo a Rosalía de Castro, que se celebrará o 23 de febreiro na Casa da Cultura ás 13.15 horas. Estará interpretado pola actriz mariñá Estíbaliz Veiga, á que acompañarán Erica González ao acordeón e David Castro á guitarra.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “o próximo mércores, 23 de febreiro, celebrarase o Día de Rosalía. É unha xornada moi importante para as letras galegas e para Galicia en xeral. Cambiouse a data, antes era o 24 de febreiro pero parece que, segundo as últimas investigacións, ela naceu o día 23”.
O edil burelés comentou que “nós en Burela queríamos facer algo diferente. É verdade que case todos os Concellos fan algún acto que a recorde e, sobre todo, que nos recorde a todos quen foi e quen sigue sendo. Pero son actos bastante típicos e nosoutros quixemos alonxarnos un pouco diso. E o que imos facer é un recital poético musicado coa axuda da actriz mariñá Estíbaliz Veiga. Contactei con ela fai algún tempo e decidimos que podía ser boa idea facer este recital un pouco teatralizado e musicado en homenaxe a Rosalía. Vai estar acompañada de Erica González, que é acordeonista, e de David Castro, que tocará a guitarra”.
José Díaz engadiu que “vai ser algo moi entrañable e bonito para a xente que acuda. Imos programalo para a unha e cuarto do mediodía, xa que invitamos aos dous institutos de Burela, ao IES Monte Castelo e ao Perdouro, que asistirán co alumnado e o profesorado para encher o auditorio o máis posible. Queremos que os máis novos do concello capten a importancia da figura de Rosalía de Castro. Ademais poderá acudir todo o mundo que queira, o acto está aberto ao público xeral con entrada gratuíta”.